Consello Regulador de Augardentes e licores tradicionais de Galicia. Os únicos con espírito galego
Qué es
Elaboración
Empresas
Marcas
Cata
Recetas
Novedades
Contacto
Indicación Xeográfica. Augardente de Galicia
Indicación Xeográfica. Augardente de Herbas
Indicación Xeográfica. Licor de Herbas
Indicación Xeográfica. Licor Café

Xunta de Galicia. Consellería do Medio Rural

Ministerio de Medioambiente y Medio Rural y Marino


FEADER: Europa inviste no rural

<< Volver a Novedades
15/04/2016 OS ASISTENTES AO `MARIDAXE DOS SENTIDOS´ SORPRÉNDENSE CO POTENCIAL DAS AUGARDENTES E OS LICORES DE GALICIA NA COCTELERÍA E CO SEU SABOR AO COMBINALOS COA REPOSTERÍA TRADICIONAL DE MELIDE

A Asociación da Repostería Tradicional de Melide (Melide Terra Doce) e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e os Licores Tradicionais de Galicia ofreceron esta mañá unha completa sesión de Maridaxe dos Sentidos. Unha trintena de persoas acudiron a esta cita que se desenvolveu na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e na que se puido comprobar o potencial das Augardentes e os Licores de Galicia na coctelería e a súa excelente combinación cos melindres, ricos e amendoados melidenses.

A sesión, á que tamén acudíu o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, desenvolveuse baixo as explicacións do presidente de Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez; da integrante do panel de cata do Consello Regulador e Embaixadora do Melindre, Sonia Otero; e do barman Ángel Camiña. Rodríguez centrouse en ofrecer detalles sobre a elaboración e sabores dos melindres, ricos e amendoados, mentras que Otero detallou as principais características das Augardentes e os Licores Tradicionais de Galicia, que se utilizaron para elaborar os cócteles. Camiña, pola súa banda, explicou e elaborou en directo as distintas propostas que se maridaron coa repostería melidense.

Así, a primeira delas foi o cóctel chamado Ao calor do anoitecer¸ unha elaboración con Augardente de Galicia envellecida que se combinou con melindres. O segundo leva por nome Un té do mar e entre os seus ingredientes integrou a Augardente de Herbas para despois degustarse co amendoado. Rematou a degustación cun Licor café de chocolate e laranxa, un cóctel máis doce, co Licor Café de Galicia como principal ingrediente, para maridar co rico.

Os asistentes amosaron a súa sorpresa coas maridaxes presentadas nesta primeira xornada das Maridaxe dos sentidos, e realizaron preguntas sobre a elaboración dos distintos produtos empregados na sesión. Entre eles atopábase a alcaldesa de Melide, Dalia García, e varios integrantes da súa corporación.

Produtos de calidade e con todas as garantías

Na súa intervención, o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, lembrou que este tipo de accións axudan a ?facer visible a importancia de consumir produtos debidamente etiquetados, porque só estes teñen todas as garantías para o consumidor?. Á vez, advertiu sobre quen elabora e serve os mal chamados augardentes e licores caseiros: ?estas bebidas non están reguladas nin superan os pertinentes controis de sanidade, polo que supoñen un perigo para a saúde?, lembrou.

Tamén na busca da autenticidade e da calidade se centrou o presidente da Asociación da Repostería Tradicional de Melide, Alberto Rodríguez, quen salientou que dende o colectivo ?estamos a tramitar un selo de garantía propio para os nosos produtos?. Neste senso, coincidíu con José Antonio Feijóo á hora de reivindicar ?o consumo de produtos de calidade e que garanticen a súa orixe?.

Degustación mañá

A Maridaxe dos Sentidos continuará mañá ás 11:30 horas no Mercado de Abastos de Santiago. Ofrecerase unha degustación gratuíta de melindres elaborados polos produtores da Asociación da Repostería Tradicional.

Pazo de Quián , s/nº - Sergude 15881 Boqueixón - A Coruña. Tel: +34 981 511 566 - Fax: +34 981 511 934